O noso docente en Cebem, Miguel A. Alonso Diz, é moito máis que profesor: escritor, poeta, contacontos, presentador, animador e apaixonado divulgador cultural. Nesta IX edición do Foro de Educación, será o responsable dunha actividade práctica na que nos amosará como, a través de diversos títulos da literatura infantil e xuvenil galega, podemos achegar ao alumnado conceptos clave, tanto ligados ao currículo escolar como a aqueles relacionados co proceso de socialización.
Ademais, explorará distintas maneiras de presentar os contidos en lingua galega, sempre coa imaxinación e a creatividade como piares fundamentais. Non só traballará a narrativa, senón tamén a poesía, a banda deseñada e o teatro, aproveitando estes recursos como ferramentas educativas para acadar mellor os nosos obxectivos.
Cómpre lembrar que Miguel forma parte da directiva de GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil – e conta con obras traducidas ao castelán polo propio autor, publicadas fóra de Galicia e presentes en centros e bibliotecas de México, Puerto Rico e diversas comunidades do Estado.
Colabora de maneira habitual cos Servizos de Normalización e Dinamización Lingüística, levando a cabo obradoiros creativos en asociacións, bibliotecas e centros educativos. A través deles, consegue transmitir á rapazada e ás persoas adultas a súa paixón pola literatura, pola creación e polo noso idioma.